A VECIÑANZA DE RIBEIRA XA PODE CONSULTAR E PAGAR ONLINE OS SEUS IMPOSTOS MUNICIPAIS A TRAVÉS DO PORTELO DIXITAL DA WEB DO CONCELLO

A VECIÑANZA DE RIBEIRA XA PODE CONSULTAR E PAGAR ONLINE OS SEUS IMPOSTOS MUNICIPAIS A TRAVÉS DO PORTELO DIXITAL DA WEB DO CONCELLO

Escrito el 05/03/2020


Os cidadáns do municipio ribeirense xa poden consultar online os seus recibos e, incluso, no caso de que non os teñan domiciliados, pagalos sen necesidade de acudir ao Consistorio ou a unha entidade financeira cunha simple tarxeta bancaria de débito ou crédito. Ese foi unha das principais novidades dadas a coñecer por parte de Ana Barreiro, concelleira de Innovación Tecnolóxica e Transparencia de Ribeira, nunha comparecencia ante os medios na que se explicaron os principais avances que se están a impulsar no Concello en materia de administración electrónica e sustentable.


Así, para tal fin xa está habilitada na páxina web oficial (www.ribeira.gal) un novo apartado denominado "Os teus recibos a 1 click" no que os contribuíntes poden acceder e consultar o estado dos seus impostos de vehículos, lixo, auga e alcantarillado introducindo unha serie de campos como DNI/CIF ou o número de recibo e o seu importe (datos estes últimos que se poden obter na documentación que remite os bancos). Xa que logo, non se require autenticación con certificado dixital ou DNI electrónico.


En canto aos recibos non domiciliados, poden abonarse telematicamente mediante este mesmo sistema ao incluír unha pasarela de pago que permite cumprimentar este trámite calquera día da semana a calquera hora de forma tan simple e sinxela como se facemos unha compra nunha tenda online.

 

Pago de multas

Incluso, "Os teus recibos a 1 click" permite o pago de recibos que están en recadación executiva, como multas, sancións, etc...


Por outra parte, pensando nas persoas que teñen dificultades á hora de manexarse por Internet, a concelleira (quen recordou que cada cuatrimestre se organizan cursos gratuítos de alfabetización dixital encamiñados a acurtar a chamada fenda dixital), explicou que acudindo á Oficina de Atención Cidadá situada no andar baixo do Consistorio, persoal municipal encargarase de asistir presencialmente aos usuarios neste labor.


Pegada de carbono

Ao fío do anuncio destas novas prestacións, Ana Barreiro comunicou que se deixarán de enviar aos fogares os recibos en papel destes tributos, o que contribuirá a reducir a nosa pegada de carbono eliminando unhas 50.000 impresións anuais e aforrando de paso arredor de 30.000 euros das arcas públicas.


Ana Barreiro fixo alusión tamén a outros progresos, como a posibilidade de xestionar, calcular e pagar autoliquidacións a través da sede electrónica: prezo público de actividades culturais, cambio de titularidade en aperturas, escola municipal de música, dereitos de exame, expedición de documentos, ICIO, informacións urbanísticas, licencias de primeira utilización, expedición de licencias de taxi e de cemiterio, uso de instalacións deportivas e taxa por ocupación de subsolo, solo e voo…


Outro avance importante ten que ver co pago a proveedores xa que, en aras á transparencia e á seguridade xurídica, os mesmos poden coñecer a golpe de click a trazabilidade total do gasto dende que se detecta a necesidade ata o pago final. O sistema funciona mediante un circuíto de firmas automatizado polos responsables municipais autorizados, o que non só lles supón a eles un aforro de tempo senón tamén unha importantísima redución en papel coa conseguinte diminución da pegada de carbono. Cómpre salientar a este respecto que o Concello tramita unhas 5.000 facturas anuais, ao que hai que engadir toda a tramitación previa a cada unha delas: presentación de orzamentos, elaboración de propostas e resolución...

 

A edil avanzou que se está a traballar noutras futuras accións encamiñadas tamén á transformación dixital, como a elaboración dunha nova app ou as pantallas informativas que se van instalar en seis puntos do municipio.