O grupo “A maxia do inverno” (Tomiño) gaña o primeiro premio do XXXVI Concurso-Desfile “Rally París–Dakar”

O grupo “A maxia do inverno” (Tomiño) gaña o primeiro premio do XXXVI Concurso-Desfile “Rally París–Dakar”

Escrito el 07/03/2020


O grupo “A maxia do inverno”, de Tomiño, unha impresionante representación da película Disney “Frozen” foi a gran gañadora do XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar”, celebrado na noite/madrugada de onte polas rúas de Noia. A chuvia, que obrigou a aprazar o evento da súa data inicial (28 de febreiro), só fixo acto de presenza no inicio do concurso, o que motivou un atraso na saída do desfile de grupos e comparsas, que se puido celebrar sen incidencias.

 

Un concurso no que estaban anotados un total de 41 participantes e no que “temos que destacar a gran calidade e o bo humor dos grupos e comparsas participantes, que fixeron moi difícil a elección dos premiados e que, sobre todo, nos fixeron pasar unha divertida noite de entroido a todos os veciños e veciñas de Noia”, apuntou a concelleira de Eventos, Beatriz Rosende como voceira do xurado. Así mesmo, destacou “a gran participación este ano de veciños e veciñas de Noia, como demostra o triunfo dunha comparsa local na súa categoría”.

 

Se “A maxia do inverno” se levaba a Tomiño os 2.000 euros do primeiro premio na categoría de grupos, á mesma localidade viaxaron os 1.300 euros do segundo premio da categoría: “Iluminando o carnaval”, con outra representación dunha película Disney, neste caso “A bela e a besta”. Completou o podio “O imperio de Nefertiti”, de Rueirada O Louro, que levou 900 euros. Outro filme disney, “Aladín”, e “A fraga encantada”, completaron o listado de premiados con 500 e 300 euros, respectivamente.

 

Na categoría de comparsas, a vitoria foi para “Magia Zíngara”, de Noia, que levou 500 euros. O segundo premio foi para os composteláns “Fadas e grilos”, con 400 euros, que viñan tamén de gañar premio en Compostela. Completaron a lista de galardoados “Aladín” e “Viaxando ao Entroido”,  que levaron 300 e 200 euros, respectivamente.

 

Na categoría de parellas, os 300 euros foron para “A dama de doble personalidade e a súa besta”, e os 200 euros para “Dulce fantasía”. Na categoría individual, os 200 euros foron para “Transformer” e os 100 euros para “Mr Bean”. O premio especial á simpatía foi para “O ave”, con 300 euros; e o premio ao máis choqueiro recaeu no local “Socorrista”, ambos dotados con 300 euros.

 

O xurado fixo tamén cinco mencións especiais, de 100 euros cada unha. Un xurado conformado por Beatriz Rosende Paz, Estefanía Ageitos Iglesias, Beatriz Durán Ageitos, Rosa Narváez Pais e Manuel Nieto Abeijón; e que entregou os premios canda o alcalde, Santiago Freire Abeijón, e as concelleiras Laura Salgado e Mariola López. A música correu a cargo da Discoteca Chocolate ata ben entrada a madrugada.