A Deputación da Coruña colaborará na renovación do material das agrupacións de Protección Civil da provincia

A Deputación da Coruña colaborará na renovación do material das agrupacións de Protección Civil da provincia

Escrito el 06/03/2020


O deputado de Promoción Económica, Blas García, reuniuse esta mañá no seu despacho da institución provincial cos representantes da Asociación Provincial de Protección Civil, Olivia García, José Luis Barca e Ramón Pérez Barrientos, aos que informou dos plans do Goberno provincial para colaborar na dotación de material ás agrupacións dos concellos de menos de 50.000 habitantes.

García explicou que a Deputación incrementa este ano as liñas de dúas axuda para agrupacións de voluntarios de Protección Civil e que este ano dotará directamente ás mesmas de material como scooters de menos de 125 cc, bicicletas ou equipos de telecomunicacións. A maiores, segundo explicou o deputado, estudarase a posibilidade de incluir tamén equipos de  rescate e salvamento acuático.

Blas García destacou a importante labor que fan os e as voluntarias de Protección Civil da provincia, xa que colaboran de xeito altruísta en infinidade de accións vinculadas con accidentes ou emerxencias, pero tamén na coordinación e vixianza de eventos que se organizan desde os concellos e que contan coa colaboración da Deputación.

“É necesario pór en valor o traballo destas persoas. A intención da Deputación é ofrecer unhas axudas que sexa útil para as agrupacións e que lles permitan dotarse do material que realmente precisan para facer a súa labor”, afirmou.

Durante a reunón plantexouse tamén a posibilidade de que a Deputación e a  Asociación de Agrupacións de Protección Civil colaboren na organización de cursos específicos de formación e preparación do voluntariado.