O Pleno de Lousame aproba por unanimidade a adxudicación do SAF dependencia á empresa Sanamede SL por case 450.000 euros

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade a adxudicación do SAF dependencia á empresa Sanamede SL por case 450.000 euros

Escrito el 14/03/2020


O Pleno municipal extraordinario do Concello de Lousame acordou por unanimidade adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes á empresa Sanamede SL, “por ser a oferta mellor valorada en canto a calidade e prezo do servizo”, explicou a alcaldesa Teresa Villaverde. Unha adxudicación por un prezo de 14,4 euros/hora (sen IVE) e 14,98 euros/hora (con IVE) por un período de 12 meses  non prorrogables.

 

Un contrato no que a empresa prestará 30.000 horas de servizo, un 40% máis ca na anterior licitación (21.400 horas), o que supón un montante total do contrato de 449.400 euros. Unha cifra que, segundo explicou Villaverde Pais, “é unha proxección, non é unha aritmética pura porque non podemos sabe cantas horas efectivas se van prestar. Calculamos que serán unhas 30.000 horas”.


O Pleno acordou incluír nos orzamentos de 2020 unha partida de 280.885 euros para o pago das mensualidades correspondentes a este ano e notificar esta adxudicación ás empresas participantes na licitación, que terán un prazo de 15 días para presentar alegacións. En caso de non presentarse alegacións, Sanamede SL deberá formalizar o contrato nos cinco días seguintes.

 

O prego de condicións doi SAF dependencia valorou sobre todo a calidade do servizo que recibirán as persoas dependentes de Lousame, que supuxo o 60% da puntuación total, á vez que o peso dos criterios económicos baixaron ata o 40% da valoración. Na contratación previa esta proporción era do 51% para as condicións do servizo e do 49% para o seu custo económico. Unha vez aplicados estes criterios, a empresa Sanamede SL quedou en primeiro lugar, cunha puntuación de 78,89 puntos, seguida por Son a túa axuda SL (70,27), Idades SL (66,39), Servicios Sociales Ulla-Sar SL (64,14) e Fundación para el estudio y la promoción de la accion social FEPAS (64,14 puntos).

 

A aplicación dos protocolos de prevención da propagación do coronavirus COVID-19 deixou a imaxe curiosa da noite xa que motivou que os concelleiros se separaran os dous metros recomendados, polo que os tres concelleiros do PSOE e un do Grupo de Goberno sentaron nos bancos dispostos para o público. O concelleiro do BNG desculpou a súa presenza.