A Deputación da Coruña simplifica a tramitación de novas altas no servizo de Teleasistencia

A Deputación da Coruña simplifica a tramitación de novas altas no servizo de Teleasistencia

Escrito el 23/03/2020


Co obxectivo de levar a Teleasistencia Domiciliaria (TAD) a todas as persoas maiores da provincia que o precisen neste momento, a Deputación da Coruña vén de simplificar os trámites de acceso para efectuar novas altas urxentes neste servizo.

O presidente Valentín González Formoso remitiu esta mañá unha comunicación por correo electrónico a todos os alcaldes, alcaldesas e traballadores/as sociais dos concellos coruñses de menos de 50.000 habitantes (nos que se presta o servizo de Teleasistencia da Deputación) na que explica que, ante a crise sanitaria do Covid-19, a Deputación abre a posibilidade de tramitar novas altas con carácter de urxencia, simplificando a súa tramitación administrativa.

Dada a dificultade para obter neste momento determinados documentos que se esixen na tramitación ordinaria da TAD, coma os informes médicos, a Deputación permite desde hoxe de solicitar o servizo de Teleasistencia de forma urxente, cun numero mínimo de documentos e un informe dos servizos sociais do Concello xustificando a necesidade do mesmo. Tamén é necesario o compromiso do alcalde/alcaldesa de completar os documentos do expediente cando remate o estado de alarma.

“Con esta medida esperamos poder acompañar co noso servizo de Teleasisitencia a todas as persoas maiores que viven en soidade forzosa esta corentena e ofrecer maior tranquilidade ás súas familias”, afirmou González Formoso, que lembrou que o servizo TAD aínda ten prazas dispoñibles e que o Goberno provincial está dispostos a aumentalas se a demanda o require.

As persoas interesadas en solicitar o servizo para elas ou a súa familia deben tramitalo como é habitual, a través dos servizos sociais do seu Concello. Para calquera outra información adicional está a disposición o correo servizos.sociais@dacoruna.gal .

O servizo de Telasistencia da Deputación da Coruña é gratuíto e atende actualmente a 2.483 usuarias e usuarios nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (todos agás as grandes cidades) durante 24 horas ao día, os 365 días do ano.